Wednesday 15 de May de 2024

Adxudicación provisional da instalación dunha rede de saneamento en Bretal


Supón un investimento superior aos 140.000 euros

O Concello de Riveira informa de que a xunta de goberno local procedeu hoxe á adxudicación provisional dunha nova actuación consistente na instalación da rede de saneamento e reposición de pavimentos no lugar de Bretal, situado na parroquia de Olveira, e que forma parte do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) 2016.

A empresa que obtivo unha mellor clasificación resultou ser Canarga, S.L.. A súa oferta económica ascendeu a 140.718,62 euros, IVA incluído. Había 17 entidades presentadas á licitación.

Na actualidade a zona de actuación carece de rede de saneamento, existindo unicamente unha liña de pluviais para canalizar as augas superficiais.

Conforme ao proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais, vanse instalar en primeiro lugar 534 metros de tubaxe SN4 de 315 milímetros de diámetro; 310 de tubaxe SN4 de 250 milímetros; e 180 de tubaxe SN8 de 350 milímetros.

1.289 metros en tubaxes
A través dos colectores indicados conduciranse as augas fecais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, onde se instalará un bombeo no que se colocarán dúas bombas mergulladas fixas de caudal unitario 25,70 m3/h. De aquí as augas se impulsarán a través dunha tubaxe de polietileno de alta densidade de 265 metros de lonxitude e 90 milímetros de diámetro ata a súa conexión coa rede xeral, o que suma o total de tubaxes a 1.289 metros lineais.

Os pozos de rexistro colocaranse cada 40 metros aproximadamente e os pavimentos afectados pola actuación se reporán cos mesmos materiais que os existentes na actualidade.

O prazo son catro meses.